Tuesday 30 de April de 2024

A alcaldesa Inés Rey visita a Fundación María José Jove para avaliar o funcionamento do programa Aliad@s


O programa de intervención socio-formativa desenvolto pola entidade en colaboración coa Fundación Emalcsa está dirixido á mocidade entre 16 e 21 anos en risco social

A alcaldesa Ines Rey visitou esta mañá a Fundación María José Jove para coñecer de primeira man o funcionamento do programa Aliad@s co que colabora o Concello a través da Fundación Emalcsa. Aliad@s é un programa de intervención socio-formativa para a mocidade que, por diferentes circunstancias, non participa de accións formativas regradas, sociais nin laborais, o que a coloca nunha situación de risco social. Mozos e mozas de entre 16 a 21 anos cuxa situación persoal, familiar, escolar ou social os levou a desvincularse da formación regrada e a actividade sociolaboral.

No programa, que permite integralos/as en sesións de formación en áreas laborais, sesións de habilidades sociais, sesións de orientación formativa e laboral participan actualmente 24 mozos e mozas. En total, xa foron atendidas 58 persoas desde que esta iniciativa botou a andar.

Ademais dos contidos de Aliad@s, o programa inclúe unha estancia práctica nunha empresa colaboradora. Unha iniciativa que se engade como test para valorar en que medida poden desenvolverse as persoas participantes no ámbito laboral. Ata o de agora realizaron unha estancia práctica voluntaria 6 mozos.

A alcaldesa. que visitou as instalacións da fundación coa concelleira de Benestar, Yoya Neira, quixo amosar o compromiso do seu Goberno con esta iniciativa que permite achegar ao mundo laboral a moita mocidade e puxo en valor a colaboración público-privada a través de entidades como a Fundación María José Jove para chegar a atender situacións complexas como as que coñeceu hoxe de primeira man. “O programa Aliad@s é un exemplo de colaboración entre institucións en favor da mocidade da nosa sociedade que pola súa situación persoal ou laboral teñen dificultades para poder desenvolverse dentro dos circuítos convencionais”, sinalou Inés Rey.